O impacto do modelo empresarial baseado na economía social, que en Galicia representan máis de 74.000 socios, comuneiros ou mutualistas, é de 851 millóns de euros, segundo os datos recolleitos nun estudo sobre este sector que será presentado o próximo 4 de maio en Santiago de Compostela. A cifra avanzouna esta mañá o presidente do Foro pola Economía Social Galega ( ForoEsGal), Celso Gándara, nunha nova edición dos Cafés con Aroma a Economía Social, un espazo de encontro dos directivos das principais empresas de economía social, que contou nesta ocasión con dous relatores: Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, e Tomàs Llompart i Coll, codirector xeral de Suara Serveis, cooperativa catalá que opera no ámbito dos servizos sociais.
Gándara, quen lembrou que este ano Santiago de Compostela é a capital española de economía social, sinalou que do estudo de medición do impacto da economía social galega dedúcese o crecemento da mesma, “pasando de definirnos polo 7% do PIB galego a cifrar en 851,2 millóns de euros os beneficios diferenciais que xera este sector respecto a as empresas mercantís”. Así, explicou que o informe, que será presentado o próximo 4 de maio, desagrega este beneficio en termos de cohesión social e cohesión territorial, e aclara que “en cada un destes factores identifica os comportamentos diferenciais dun e outro modelo”. A este respecto, animou aos directivos presentes a incorporar dentro das súas organizacións a denominada contabilidade social.
O presidente de ForoEsGal anunciou tamén que o próximo 3 de xuño, coincidindo co Día da Economía Social, as cinco organizacións que conforman o Foro celebrarán de forma simultánea as súas asembleas xerais e destacou a posta en marcha a finais de ano dunha exposición que recolla a historia da economía social galega: “Unha mostra coa que queremos divulgar o valor que este modelo empresarial achega desde hai anos á sociedade galega”.
A aposta do Goberno galego pola economía social
Pola súa banda, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, referiuse a que a recuperación económica ten que sustentarse sobre os principios e valores que defende o Foro para construír a Galicia do futuro, “unha Galicia dixital, verde e cohesionada ao abrigo do Plan Estratéxico 2022-2030”. Nesta liña, sinalou que o reto para os próximos anos é que haxa moitas máis empresas e entidades “dedicadas a explorar a dimensión social dunha economía feita para as persoas”.
O vicepresidente segundo do Goberno galego destacou así mesmo que a Xunta está plenamente comprometida coa economía social “por ser un modelo económico máis sostible, inclusivo e igualitario”.
Baixo as mesmas premisas expresouse a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, que foi a encargada de clausurar o evento. Así, incidiu no papel referente de Galicia no fomento e apoio á economía social, á que destinará este ano “máis de 35 millóns de euros, un 6,1% máis que o ano anterior”.
Unha cooperativa catalá no ámbito dos servizos sociais
O relator desta edición dos Cafés con Aroma a Economía Social, Tomàs Llompart i Coll, falou da “ Gobernanza e participación nos modelos de xestión corporativos”. O codirector xeral de Suara Serveis expuxo a experiencia desta cooperativa do ámbito dos servizos sociais que facturou 102 millóns de euros en 2020 e que conta entre os seus asociados cunha maioría de mulleres (88%). O empresario catalán puxo sobre a mesa algunhas das cifras que converten a esta cooperativa nun modelo para seguir no sector: 234 servizos xestionados, máis de tres millóns de horas de atención domiciliaria e máis de 40.000 persoas atendidas anualmente polos preto de 5.000 profesionais que Suara ten en nómina.