© FOROESGAL, Foro pola Economía Social Galega

https://www.facebook.com/pg/foroesgal/posts/?ref=page_internalhttps://bsky.app/profile/foroesgal.bsky.socialhttps://www.linkedin.com/company/foroesgal/https://www.youtube.com/channel/UC9G77OVrdPImYIpOSM8eosQhttps://www.instagram.com/foroesgal/
Foroesgal
Un momento da reunión celebrada este sábado entre o ForoESGal e a Xunta de Galicia para abordar as accións enmarcadas no convenio anual

A Xunta impulsa a través do ForoESGal o diálogo e a cooperación activa co sector da economía social para fortalecer o seu impacto en Galicia

Santiago, 19 de abril de 2025.-

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, mantiveron unha reunión con representantes do Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal) co obxectivo de abordar as accións conxuntas que se desenvolverán a través do convenio anual entre a Xunta de Galicia e este actor chave da economía social. Na xuntanza estiveron presentes o presidente de Foroesgal, Herminio Martínez, e a representante do Foro na Confederación Empresarial Española de Economía Social (Cepes), Isabel Fraga –presidentes tamén, respectivamente, de Cegasal e Aeiga–.

En Foroesgal están representadas as cinco entidades máis representativas da economía social galega, que son: a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga), a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Unión de Cooperativas Galegas (Espazocoop).

O conselleiro destacou a importancia de manter unha canle de diálogo constante e unha colaboración activa con todo o sector, estratéxica para reforzar a presenza da economía social galega tanto a nivel nacional como europeo, así como para dar visibilidade ao seu papel como axente clave no desenvolvemento económico e social do país.

Tamén subliñou a necesidade de continuar promovendo a economía social como motor de crecemento sustentable, xeradora de emprego de calidade, inclusive e vencellado ao territorio. A Xunta continúa avanzando na implementación da 2ª Estratexia Galega da Economía Social Horizonte 2027, que busca consolidar este modelo nos sectores verde, industrial, tecnolóxico e dixital. Ademais, nun contexto especialmente relevante pola conmemoración do Ano Internacional das Cooperativas, o Goberno galego segue avanzando na elaboración da nova Lei de Cooperativas de Galicia coa participación activa de todos os axentes implicados. A futura normativa buscará simplificar trámites administrativos para facilitar a creación de novas cooperativas e garantir a consolidación das xa existentes, fortalecendo así o ecosistema da economía social en Galicia.

Fonte: Xunta de Galicia

 

 
Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar