Co fin de visibilizar e poñer en valor as particularidades das distintas entidades que configuran a gran familia da economía social, o Consello Económico e Social de Galicia organiza esta xornada, prevista para o 18 de outubro na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela onde expertos, e representantes das distintas entidades empresariais e sociais convidadas afondarán nas cuestións que identifican a este modelo económico que incorpora valores como a solidariedade, a responsabilidade ou a cohesión social.
A xornada comeza con dúas conferencias sobre as economías que están a vir. Na primeira, o presidente do Consejo Económico y Social de España, Antón Costas, responderá á pregunta de qué economía necesitamos nun contexto de incremento das desigualdes. De seguido, o presidente da Confederación Empresarial Española da Economía Social (Cepes), Juan Antonio Pedreño, ampliará a visión empresarial da economía social como elemento fundamental da transformación de España e Europa.
Baixo o epígrafe “Situación económica e social galega e visión de futuro”, serán a directora do Centro de Estudos Cooperativos, Maite Cancelo; a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca; o presidente do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara e a representante do CES, Mar Pernas referenciarán a contribución da economía social galega, a figura dos poderes públicos, as claves para a súa consolidación e como intervén a figrua do Consello de Economía Social de Galicia.
O seguinte bloque titulado "Economía social e entidades do art.5 Lei5/2011: Experiencias e retos estará protagonizado polas entidades que configuran o sector: as confrarías, as cooperativas, os centros especiais de emprego, os centros de inserción e as sociedades laborais. Participarán representantes da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, de EspazoCoop, Cegasal, Aeiga e os sindicatos CIG, CC.OO e UGT, a nivel de Galicia.
Mediante esta xornada, o Consello Económico e Social de Galicia quere achegarse á realidade da economía social, recoñecendo a súa presenza cada vez máis maioritaria, ofrecendo unha visión de conxunto "cun claro compromiso en favor da consecución dun desenvolvemento sostible e inclusivo e da xeración de emprego estable e de calidade".
A xornada pode seguirse a través da canle de YouTube de www.ces-galicia.org
Ver programa