O aproveitamento dos fondos de recuperación europeos para consolidar e desenvolver os proxectos galegos vinculados á economía social centrou a reunión dos dirixentes do Foro pola Economía Social Galega coa conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana.
Desta forma, Celso Gándara, presidente do Foro, quixo trasladarlle á conselleira os proxectos estratéxicos do sector e a importancia, cada vez maior, da economía social na comunidade autónoma galega. Neste sentido, referiuse aos diferentes modelos de empresas que conforman o Foro e que están presentes en todo tipo de actividades, xerando emprego inclusivo e de calidade e fomentando a cohesión territorial e a sustentabilidade ambiental.
Na reunión tamén se falou da importancia do recoñecemento por parte das institucións da economía social como un axente económico máis e da importancia da súa participación nas mesas e foros nos que se debate o futuro de Galicia. Gándara tamén agradeceu á responsable de Emprego e Igualdade o encontro, que supón a primeira toma de contacto con este novo departamento da Xunta de Galicia.