Santiago, 15 de outubro de 2026 | O ForoESGal celebrou esta mañá, no Hotel Puerta del Camino de Santiago, a sexta edición dos Cafés con Aroma a Economía Social, unha proposta que quere contribuír á visibilización do sector da Economía Social e que, unha vez máis, volveu deixar un excelente sabor de boca.
O diálogo, as reflexións e as inquedanzas arredor do novo escenario xeopolítico internacional nutriron unha xornada que volveu ser, como de costume, tremendamente inspiradora.
Para o ForoESGal, como organizador, foi un auténtico luxo poder contar, como relator principal, con Miguel Otero, investigador no Real Instituto Elcano e profesor e director na IE University.
Trala súa intervención, participou ademais nunha mesa redonda con outros tres grandes coñecedores da economía social como son Carlos Lozano, coordinador da área de Relacións Internacionais de CEPES; Celso Gándara, represente do ForoESGal en CEPES; e Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop e vicepresidenta 2ª do ForoESGal, que moderou a actividade.
Desde o eido institucional, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa do Concello de Santiago, Goretti Sanmartín; e a secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais da Conselleria de Emprego, Comercio e Emigración (que colaborou na cita), Susana Pérez, coincidiron á hora de destacar o importante papel desta fórmula empresarial na consecución dunha economía máis xusta, cohesionada e ligada ao territorio.
Pedro Blanco destacou a empatía e sensibilidade coa realidade social como valores esenciais da Economía Social no contexto internacional actual e asegurou que esta fórmula empresarial demostra que poñer ás persoas no centro é o mellor camiño para construír respostas máis xustas e humanas.
Goretti Sanmartín, pola súa banda, subliñou o apoio do Concello compostelán a un modelo empresarial que, segundo asegurou, pon as persoas, o emprego de calidade e o territorio no centro de todo.
A secretaria xeral de Emprego e Relación Laborais, Susana Pérez, que clausurou o ac to, destacou o peso da Economía Social na nosa comunidade e lembrou o compromiso autonómico con este ámbito a través da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027.
O programa deu comezo sobre as dez da mañá coa intervención do presidente do ForoESGal, Mino Martínez, encargado de dar a benvida a todas as persoas asistentes ao encontro, que tamén incluíu a presencia de Manuel Varela, presidente de Caixa Rural Galega, entidade patrocinadora do evento.