Ola! Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.

© FOROESGAL, Foro pola Economía Social Galega

Foroesgal
Reunion no Parlamento de Galicia FOROESGAL

O emprego inclusivo, fundamental e prioritario

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e o do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara, coincidiron na mañá do mércores 16 de decembro na necesidade de priorizar, “neste momento máis que nunca”, as políticas de emprego inclusivo, un reto ao que o Foro contribúe de forma moi significativa.

 

  •  O presidente do Foro reuniuse co máximo representante do Parlamento de Galicia e puxo en valor a importancia da economía social, que en Galicia representa o 7% do PIB.
  • O Foro engloba a máis de 4.700 empresas galegas, que empregan a máis de 24.900 traballadores.

Na reunión de ambos os presidentes abordáronse diversas cuestións como o papel que pode xogar a economía social no proceso de reflexión sobre o modelo de residencias, no foco do debate actualmente por mor da pandemia, ou da súa presenza nos fondos de recuperación, a través de proxectos vinculados á economía dos coidados, a xestión forestal  e a economía circular, “especialmente no ámbito da xestión de residuos, especificamente no téxtil, onde temos gran experiencia”. A este respecto, o presidente de Foro destacou que “participar nesta actividade supoñería un importante impacto en termos de emprego inclusivo, así como no sentido de cumprir coa trasposición da directiva europea nesta materia”.

Con este encontro, o Foro continúa co traballo de representación encomendado polos seus asociados, “intensificando de forma especial a presenza da economía social no Parlamento coa colaboración do seu presidente e dos diferentes grupos parlamentarios”, comentou Gándara. Desde a súa creación en 2018, o Foro pola Economía Social Galega traballa intensamente para o recoñecemento por parte das institucións deste sector como un axente económico máis. Para iso, é primordial a súa participación naqueles foros nos que se debate o futuro de Galicia, onde a economía social representa o 7% do PIB.

 Neste contexto, Gándara lembrou que o próximo semestre Bruxelas presentará o seu longamente demandado Plan de Acción para a Economía Social que recolle algunhas das propostas realizadas polo Foro a través das súas entidades representativas.  O obxectivo deste plan, segundo sinalaron desde a Comisión Europea, é “potenciar un modelo de éxito que actualmente conta con 2,8 millóns de empresas de Economía Social que xeran 13,6 millóns de empregos e representan o 8% do PIB comunitario políticas da UE”.