© FOROESGAL, Foro pola Economía Social Galega

https://www.facebook.com/pg/foroesgal/posts/?ref=page_internalhttps://bsky.app/profile/foroesgal.bsky.socialhttps://www.linkedin.com/company/foroesgal/https://www.youtube.com/channel/UC9G77OVrdPImYIpOSM8eosQhttps://www.instagram.com/foroesgal/
Foroesgal
O Ministerio de Traballo e Economía Social sacou adiante a Lei que impulsa a Economía Social pactada co sector e que consolida este modelo económico

 

A aprobación da nova Lei Integral de Impulso da Economía Social reforza un modelo económico máis inclusivo, sostible e competitivo

Santiago, 26 de marzo de 2026.- A aprobación, hoxe, por parte do Congreso dos Deputados, da Lei Integral de Impulso da Economía Social supón un paso decisivo para consolidar un modelo económico centrado nas persoas, no territorio e no desenvolvemento sostible.

Esta nova norma recoñece e fortalece o papel da Economía Social como motor de creación de emprego de calidade, cohesión social e dinamización económica, especialmente en contextos locais e rurais. Ao facelo, contribúe a reforzar un tecido produtivo máis resiliente e comprometido co ben común.

Entre os principais beneficios da lei destaca o reforzo da seguridade xurídica e do recoñecemento institucional das entidades da Economía Social, o que permitirá impulsar o seu crecemento e a súa capacidade de impacto. Ademais, a norma aposta pola modernización e a dixitalización do sector, facilitando a súa adaptación aos novos retos económicos e tecnolóxicos.

Outro dos aspectos clave é o avance cara a modelos de gobernanza máis participativos e igualitarios, promovendo unha maior equidade na toma de decisións. Así mesmo, a lei fomenta novas fórmulas organizativas e de colaboración que responden ás necesidades sociais actuais.

A maiores, refórzanse instrumentos estratéxicos como a contratación pública reservada, que permitirá ampliar as oportunidades de acceso ao mercado para estas entidades e potenciar a inclusión laboral de colectivos con maiores dificultades.

A aprobación da Lei supón un paso relevante no recoñecemento e fortalecemento deste sector, mais tamén pon de manifesto a necesidade de garantir unha adecuada harmonización co conxunto do ordenamento xurídico xa existente. En particular, resulta imprescindible coordinar o seu contido coas normas que regulan aspectos clave da actividade das entidades da economía social, como é o caso da lexislación fiscal aplicable ás cooperativas.

Outro punto que salienta o ForoESGal é a necesidade de equilibrar a Lei Integral de Impulso da Economía Social co marco normativo galego en materia de economía social respondendo a un principio básico de coherencia xurídica e eficacia institucional. "Nun contexto no que a economía social está chamada a desempeñar un papel estratéxico no desenvolvemento sostible, a creación de emprego de calidade e a cohesión territorial, resulta fundamental evitar duplicidades, contradicións ou baleiros legais entre as distintas normativas", declara Mino Martínez, presidente do ForoESGal, e continúa: "esperamos que as administracións avancen cara a ese equilibrio xurídico".

Coa entrada en vigor desta lei, ábrese unha nova etapa para a Economía Social, na que o reto principal será transformar este marco normativo en resultados concretos que melloren a vida das persoas e impulsen un desenvolvemento máis xusto e sostible.

A Economía Social consolídase así non só como unha alternativa, senón como unha peza esencial do modelo produtivo do presente e do futuro.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar